O PR-G 197 é un sendeiro circular de 30,30 km que percorre maioritariamente as parroquias de San Xurxo de Codeseda e San Lourenzo de Sabucedo, no concello da Estrada.
As distancias que separan os dous núcleos son 13 e 17 km, o que permite dividir a ruta en dúas etapas. Tamén existe a posibilidade de dividila en dúas utilizando a variante que parte da Grela e baixa ata Codeseda.
O interese do sendeiro é múltiple e achéganos a varios xacementos arqueolóxicos de época prehistórica, a mosteiros e calzadas de orixe medieval e a igrexas, hórreos, pontes e muíños de época moderna.
Destaca a diversidade paisaxística e de relevo: zonas de río con bosques autóctonos e áreas de media montaña, hábitat dos cabalos salvaxes que participan na rapa das bestas de Sabucedo.
Para aloxarse dispoñemos dun albergue en Sabucedo e de varias casas de turismo rural en Codeseda.
Esta páxina web utiliza cookies para mellorar a súa experiencia de navegación. Máis información sobre como usamos as cookies e de que maneira pode cambiar a súa configuración