Sabucedo, Vesacarballa e a Serra do Mestre

Sabucedo é un lugar único. Toda a aldea é unha exposición sobre o cabalo salvaxe galego e a famosa Rapa das Bestas. Se queres observar estes animais no seu hábitat natural, soamente tes que seguir o PR-G 197 Ruta de Codeseda-Rapa das Bestas en dirección ao Peón e atoparás as mandas de cabalos pacendo en liberdade.
O curro é o recinto onde se realiza a rapa das bestas. En Sabucedo hai dous, o curro vello e o curro novo:

O curro vello está situado á beira da igrexa parroquial e data de 1779. Foi Felipe Carabeo, párroco de Sabucedo e Liripio, quen solicitou o permiso ao arcebispo de Santiago para a súa construción. Ata entón, utilizábase o adro parroquial como curro, pero isto provocaba moitos problemas. O curro vello estivo en uso durante máis de 200 anos ata a inauguración, no ano 1997, dun novo curro de maior capacidade.

Vesacarballa e a Serra do Mestre é un valioso conxunto etnográfico de 5 muíños situado en Sabucedo. Destaca a Serra do Mestre: unha instalación preindustrial única en Galicia con muíño e serradoiro hidráulicos ao que se lles engade un forno para cocer o pan.

A Serra do Mestre e a ruta dos muíños de Vesacarballa mostran a importancia do río como espazo de produción e como centro de boa parte das relacións sociais da aldea.

Percorrido circular de aproximadamente 1 quilómetro preto do río.

Visitas para grupos baixo reserva.

Máis información: 986 570 165

Esta páxina web utiliza cookies para mellorar a súa experiencia de navegación. Máis información sobre como usamos as cookies e de que maneira pode cambiar a súa configuración