Pesca

A Estrada está bañada por dous grandes ríos que desembocan na ría de Arousa: o Ulla e o Umia. O primeiro percorre de leste a oeste a zona norte do concello. É un dos máis caudalosos de Galicia, posuíndo dous afluentes: o Liñares, que á súa vez recibe as augas do Curantes; e o Vea, que abrolla no Monte Xesteiras. Pola súa banda, o Umia rega cara ao sur as parroquias de Liripio, Ribela, Codeseda, Arca e Souto.

A importancia destes ríos e dos seus afluentes converten á Estrada nunha rica zona de pesca fluvial con sete coutos. Tres para a pesca de salmón e reo en Ximonde, Sinde e Couso, tamén coñecido como Xirimbao; outros tres de troita e pesca sen morte no Souto de Vea, Ponteliñares e Rubín; e, por último, un vedado no río Umia a seu paso por Codeseda e dous tramos de pesca libre sen morte na Ponte de Ribela e na Paradola.

A Pesca do Salmón

A pesca do salmón, peixe cualificado pola súa forza e singularidade coma o “rei do río”, é un dos principais retos da práctica deportiva en augas fluviais. Desenvólvese en lugares de gran beleza: os coutos, e require dun gran dominio das artes e coñecemento das augas.

A Estrada dispón da cifra máis elevada de coutos no país: Sinde, Couso (O Xirimbao) e Ximonde e conta ademais cun concurso internacional de pesca de salmón e unha festa gastronómica das máis senlleiras de Galicia.

A temporada de pesca de salmón é entre o 1 de maio e o 31 de xullo ou ata chegar ao cupo máximo.

Esta páxina web utiliza cookies para mellorar a súa experiencia de navegación. Máis información sobre como usamos as cookies e de que maneira pode cambiar a súa configuración