Declarada Festa de Interese Turístico Internacional, conta con máis de 400 anos de historia.
Sabucedo é unha parroquia situada no sur do concello da Estrada (Pontevedra) cunha extensión de 5,9 Km2. Conta cunha soa entidade de poboación e na actualidade non supera os 60 habitantes. Porén, en Sabucedo ten lugar unha das máis elevadas manifestacións de autenticidade, identidade e vontade colectiva de todas as que integran o noso vasto legado cultural: A rapa das bestas de Sabucedo.
Declarada Festa de Interese Turístico Internacional, conta con máis de 400 anos de historia. A rapa das bestas comeza rememorando o vínculo ancestral das bestas co divino. O venres, durante a misa da alborada, pídeselle protección a san Lourenzo para os animais e as persoas que participan na festa. A continuación súbese ao monte na procura dos cabalos. Veciños e visitantes colaboran en grupos xuntando as greas. Finalmente, o sábado, condúcense nun grande cerco á aldea.
A parte máis espectacular da festa é o curro, onde aloitadores e cabalos confrontan técnica e forza corpo a corpo nunha loita para dominar o animal e cortarlle as crinas.
Existe unha zona de acampada habilitada e unha sorprendente programación de actividades culturais e ocio nocturno.
Ten lugar a primeira fin de semana de xullo.
A Asociación Rapa das Bestas de Sabucedo programa actividades durante todo o ano. Non deixes de visitar o conxunto etnográfico Vesacarballa e Serra do Mestre e de coñecer os montes de Sabucedo seguindo a ruta de sendeirismo PR-G 197 Ruta de Codeseda-rapa das bestas.
Esta páxina web utiliza cookies para mellorar a súa experiencia de navegación. Máis información sobre como usamos as cookies e de que maneira pode cambiar a súa configuración