Camiño da Geira e dos Arrieiros

O Camiño de Santiago da Geira Romana e dos Arrieiros é unha das Rutas Xacobeas que usaban os peregrinos portugueses para chegar a Compostela. Unha alternativa aos camiños costeiros que, en vez de entrar en Galicia cruzando o río Miño, utiliza a antiga calzada romana que comunicaba Bracara Augusta (Braga) con Asturica Augusta (Astorga) e logo as rutas dos arrieiros ata Santiago.

O Camiño de Santiago da Geira Romana e dos Arrieiros ten 240 quilómetros repartidos en 10 etapas. Parte de Braga e atravesa o Parque Nacional de Peneda-Gerés que continúa en Galicia, na provincia de Ourense, como parque natural da Baixa Limia e Serra do Xurés. Segue pola comarca do Ribeiro, onde cruza o río Miño e, logo de ascender os Montes do Testeiro, entra na provincia de Pontevedra por Terra de Montes. Na Estrada, cruza o río Ulla para completar os últimos quilómetros ata Compostela.

Dureza, beleza e autenticidade son os principais atractivos desta ruta, percorrida sobre todo por peregrinos experimentados que foxen da masificación dos camiños máis concorridos.

A Estrada é con diferenza, o concello que acumula máis quilómetros desta ruta, 32, tendo dous finais de etapa: Codeseda e a vila da Estrada, onde tes todos os servizos.

Unha das curiosidades deste camiño ao paso pola Estrada é que segundo se extrae dun documento de 1745 a ruta da Geira discorría polo que hoxe é o interior do bar estradense As Tres Portiñas.

Máis información

Esta páxina web utiliza cookies para mellorar a súa experiencia de navegación. Máis información sobre como usamos as cookies e de que maneira pode cambiar a súa configuración