As Brañas de Xestoso e a Lagoa Sacra de Olives son zonas húmidas protexidas de media montaña. Forman parte da Rede Natura e sitúanse a uns 700 metros de altura sobre o nivel do mar. Teñen máis de 1.000 hectáreas e formáronse despois da última glaciación, hai uns 12.000 anos. Están consideradas a mellor representación galega de turbeiras acedas de esfagno (musgos propios das tundras), un hábitat extraordinariamente singular e fráxil.
Estas brañas son un dos últimos redutos para moitas clases de réptiles e anfibios e acubillan plantas e animais autóctonos e propios de hábitats esteparios, coma unha pequena poboación de sisón.
Esta reserva natural acolle especies coma as escribentas amarelas e riscadas, as lavercas, os tordos, os charlos ou os trigueróns; aves rapaces coma a gatafornela ou a tartaraña cincenta, a aguia cobreira ou o miñato abelleiro, ademais doutras migratorias procedentes do continente africano. Tamén se poden ver o bufo real e a aguia real, en perigo de extinción.
Existen lendas que fan referencia a unha batalla contra os mouros, na que houbo moitos mortos que foron depositados na lagoa amurallándoa de seguido para que non fose profanada. A lagoa é de carácter estacional secando durante o verán.
Esta páxina web utiliza cookies para mellorar a súa experiencia de navegación. Máis información sobre como usamos as cookies e de que maneira pode cambiar a súa configuración