Santo Tomé de Ancorados

 

A igrexa de Ancorados segue o esquema de nave única e ábsida rectangular datable nos anos finais do s. XII. Este templo, de sinxela factura e ornamentación, foi refeito en parte cando se cambiou a primitiva cuberta de madeira pola bóveda de pedra. No muro sur cegouse a porta e a ventá saeteira mentres que no muro norte perviviron ambos elementos.

No testeiro sobresae a fiestra central con arquivolta sobre columnas. Culmina a cabeceira unha curiosa cruz de entrelazos. Na parte norte da ábsida engadiuse unha sancristía na que apareceron recentemente varios canzorriños románicos que orixinalmente estaban no exterior.