Santa Mariña de Barcala

 

A igrexa románica de Barcala foi unha das máis orixinais e innovadoras da comarca. Pode que ao pouco de rematarse, quizais xa a finais do s. XII ou comezos do s. XIII, se reformara para cubrir a súa ábsida de planta rectangular cunha bóveda de canón apuntado. Esta mesma tendencia oxival atopámola na portada.

A nave medieval, que como a veciña de Frades, puido ter tamén unha bóveda de canón apuntado, non se conservou.

Caracteriza esta igrexa un gracioso campanario circular con cúpula de época moderna.