San Xoan de Santeles

 

A igrexa románica de Santeles foi unha das máis completas da comarca. Conserva a parte máis occidental dos muros da nave coas ventás saeteiras e case integramente a fachada principal. A portada está enmarcada por dous pares de columnas con capiteis vexetais e arquivoltas decoradas con arquiños e bolas. O tímpano, ao igual que en san Pedro de Ancorados, está decorado con cruces de entrelazos e outros xogos xeométricos. As similitudes da portada de Santeles coa portada norte do mosteiro de san Salvador de Camanzo lévanos a pensar que son obra do mesmo autor, o que nos sitúa cronoloxicamente nos anos finais do s. XII ou a comenzos do s. XIII.